Santiago: COMUNICACIÓN DA XUNTA DE GALICIA

logo xunta
logo xunta

A XUNTA ULTIMA UNHA NOVA LEI ORGÁNICA DE SAÚDE PARA ENVIAR AO GOBERNO E LEVAR AO PARLAMENTO

  • Feijóo avanza que se redobra o esforzo de cara á nova campaña da gripe, que comezará o vindeiro 12 de outubro e se estenderá ata final de ano, cunha duración de 12 semanas
  • O Comité clínico aborda a definición dun protocolo sobre corentenas e illamentos

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2020.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, tras a reunión do Comité clínico de expertos sanitarios, que a Xunta está a ultimar unha nova Lei Orgánica de Saúde para levar ao Parlamento e enviar posteriormente ao Congreso. Feijóo engadiu que tamén se vai remitir ao Goberno como “aportación leal dunha Comunidade autónoma ocupada e preocupada pola pandemia”.

Tras lamentar que despois de cinco meses volvamos á “casiña de saída” ao non contar con ningunha proposta alternativa máis que seguir prorrogando o Estado de Alarma de forma indefinida, Feijóo reiterou que “o Estado de Alarma non ofrece respostas específicas para unha pandemia, a resposta específica para unha pandemia é unha lexislación sanitaria”. 

Polo tanto, “temos que apurar mecanismos legais existentes e perfeccionalos porque a pandemia sanitaria se ten que abordar desde o punto de vista xurídico cunha lexislación de pandemia sanitaria e non cunha lexislación constitucional excepcional”, engadiu.

A campaña da gripe

Nesa liña de preparar as medidas para os vindeiros meses, o Comité clínico decidiu redobrar o esforzo de cara á nova campaña da gripe.

A campaña comezará o vindeiro 12 de outubro e se estenderá ata final de ano, cunha duración de 12 semanas; haberá 900 puntos de vacinación entre os que se atopan centros de Atención Primaria, residencias ou centros de menores e discapacitados; e contará con 865.832 doses de vacina antigripal, unhas 200.000 doses máis que na campaña do ano pasado.

O presidente da Xunta avanzou que o obxectivo é cubrir ao 75% da poboación maior de 65 anos, ademais doutros colectivos de risco.

Protocolo educación

No eido da educación, e tras lamentar que na última semana de agosto aínda non haxa data para a celebración da Conferencia de presidentes monográfica despois de meses reclamándoa “por activa e por pasiva”, o presidente da Xunta agarda que na reunión sectorial de mañá haxa unha “proposta seria e rigorosa” porque “necesitamos criterios claros e homoxéneos” para a volta ás aulas.

Nesa liña, Feijóo avanzou que o “protocolo exhaustivo” galego de volta ás aulas seguirá actualizándose “ata principios da segunda semana de setembro”.

Ese protocolo inclúe información sobre que facer cada día antes de ir ao colexio ou instituto; medidas de protección, na que destaca o uso da máscara; escenarios para unha eventual situación de brotes, e un escenario de ensinanza virtual para cando estes brotes se produzan.

Feijóo resaltou que o Comité clínico apuntou hoxe que “haberá máis risco de contaxio fóra das aulas que dentro das aulas”.

Cuestións xurídicas

O Comité clínico tamén abordou outras dúas cuestións relacionadas coa parte máis xurídica da xestión da pandemia.

En primeiro lugar, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha modificación da orde de medidas para facer fronte á covid que busca facilitar a labor dos Corpos e Forzas de Seguridade no control dos espectáculos públicos e actividades recreativas. Trátase de facilitar as labores de inspección e que, ante un incumprimento manifesto, os axentes poidan tomar medidas inmediatas de xeito directo. Tamén poderán mesmo suspender o espectáculo ou actividade ou desaloxar o establecemento.

O obxectivo, explicou Feijóo, é “poder actuar con inmediatez contra aqueles que incumpren as normas e as restricións, o cal vai en beneficio de todos, a maioría, que as cumpren”.

En segundo lugar, o Comité clínico abordou a definición dun protocolo sobre corentenas e illamentos. O presidente da Xunta insistiu en que o illamento é “fundamental para controlar a expansión do virus” e, aínda que en termos xerais a cidadanía está respondendo de xeito voluntario e con responsabilidade, hai que ter claros cales os criterios que se deben seguir e que facer no caso de que non se cumpran.

Deste xeito, este protocolo inclúe medidas de prevención e control relacionadas co illamento das persoas con síntomas, diagnosticadas coa Covid ou identificadas como contactos estreitos; medidas de illamento ou corentena forzosas, no caso de que non exista colaboración voluntaria, coas debidas garantías de proporcionalidade, limitación temporal e intervención xudicial; e instrucións para sancionar en caso de incumprimento das medidas.