Narón mellora os seus datos e pasa ao nivel laranxa, mentres a incidencia da pandemia empeora na cidade de Vigo
Santiago de Compostela e Arteixo (A Coruña) atópanse xa entre o dez municipios de toda Galicia no nivel máximo de alerta, o 3, pola situación da pandemia do coronavirus no últimos sete días. Á súa vez, Narón (A Coruña) saíu da lista e pasou ao nivel laranxa, o 2, tras caer a incidencia da COVID-19 no seu territorio.
Segundo consta no mapa que fai público a Consellería de Sanidade na páxina web de información do coronavirus, este domingo están en alerta vermella por detectar máis de 21 casos activos na última semana Ames, O Carballiño, O Barco de Valdeorras, Barbadás, O Pereiro de Aguiar, Monterrei e Verín.
Ademais destes, tamén Ourense e Santiago están no nivel 3, as únicas dúas urbes en alerta máxima. Con todo, ao ser municipios de máis de 50.000 habitantes, os valores para determinar a súa alerta vermella non son de máis de 21 casos, senón maiores.
Por isto mesmo, o mapa de Sanidade recolle que en Ourense se dectaron máis de 120 positivos en sete días e en Santiago, que antes estaba en nivel laranxa, máis de 112 casos.
Cabe destacar que, dos 10 concellos en alerta vermella, sete deles –salvo os coruñeses de Santiago, Ames e Arteixo– están na área sanitaria ourensá. Precisamente, a capital provincial e Barbadás están confinadas perimetralmente desde o venres.
NIVEL LARANXA
En situación 2, é dicir, en cor laranxa do ‘semáforo’ do mapa, hai 15 municipios –o domingo eran 12–: A Coruña, Culleredo, A Laracha, Narón, Oleiros, Porto do Son, Santiago, Lugo, Xinzo de Limia, Ribadavia, Celanova, Tomiño, Pontevedra, Marín, Vilagarcía e Vigo.
Todos eles, fóra das cidades (Vigo, Pontevedra, Lugo e A Coruña), contabilizaron entre 14 e 21 casos novos de coronavirus no últimos sete días.
No caso da urbe olívica, entrar no nivel laranxa significa que se rexistraron entre 166 e 332 casos; na Coruña, entre 138 e 276; en Lugo, entre 56 e 112; e en Pontevedra, de 48 a 96 PCR positivas nunha semana.
Na listaxe do nivel 2 entraron este luns Oleiros, A Laracha, Porto do Son, Vigo e Celanova por empeorar a incidencia, mentres que Narón o fixo por mellorala, xa que se atopaba no nivel 3.
NIVEL AMARELO
Á marxe da cor vermella e laranxa, están en amarelo (nivel 1) un total de 35 municipios –fronte aos 32 do domingo–. Na provincia da Coruña, hai 12: Cambre, Carballo, Muros, Ferrol, Betanzos, Carral, A Baña, Mesía, Fene, Ribeira, Teo e Vedra. De Pontevedra, son 11: Vilanova de Arousa, Cambados, Moraña, Poio, Cangas, Mos, O Porriño, Lalín, Sanxenxo, Redondela e Cerdedo-Cotobade.
En Ourense, hai nove concellos en alerta amarela: Allariz, Oímbra, Boborás, Coles, San Cibrao das Viñas, Taboadela, Lobeira, O Irixo e Leiro; mentres que en Lugo son soamente Friol, Chantada e Monforte de Lemos, aínda que hai un día non había ningún.
Todos estes municipios contan cunha incidencia de entre sete e 14 positivos na última semana, fóra de Ferrol (de 19 a 38 casos novos), por contar con máis de 50.000 habitantes.
Do nivel amarelo saíron Sada, Boiro e A Rúa, por mellorar os seus datos e xa non ter risco, xa que no mapa aparecen en cor verde. Con todo, empeoraron os positivos en sete días Oleiros, Porto do Son, Vigo e Celanova, que pasaron do verde ao amarelo.
En canto ao resto dos concellos de Galicia, no mapa de Sanidade están en verde, o que significa que na última semana sumaron menos de sete casos.