O PPdeG agarda “responsabilidade e predisposición a acordos” por parte da oposición
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, cumpriu cun novo trámite e, no marco da tradicional rolda de consultas co xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, formalizou a proposta de que Alberto Núñez Feijóo sexa investido presidente da Xunta por cuarta vez a próxima semana –o pleno celebrarase os días 1 e 3 de setembro–.
Ante os medios, Puy lembrou que Feijóo obtivo nas urnas, o pasado 12 de xullo, o respaldo «maioritario» dos galegos, que ampliaron a súa maioría absoluta até os 42 escanos. Ao tempo, nun escenario marcado pola COVID-19, identificou como «a mellor opción» a investidura do seu xefe de filas.
O portavoz popular subliñou as dificultades desde o punto de vista sanitario, económico e social que vive Galicia neste momento, antes de apelase á «responsabilidade individual» para reforzar «a seguridade e precaución», tendo en conta que hai «circunstancias imprevistas e atípicas que requiren o esforzo por parte de todos».
Tamén aludiu aos empregados públicos nun momento no que «máis que nunca» é preciso que os servizos públicos «funcionen». Como exemplo, referiuse á necesidade de axilizar, por exemplo, os cobros dos ERTE.
Pola súa banda, incidiu en que o PPdeG asumirá «a responsabilidade de gobernar», pero tamén manifestou que, nun contexto marcado polo coronavirus, no que «a procura da recuperación económica e das actividades normais» é a «prioridade», espera «a responsabilidade» da oposición.
PREDISPOSICIÓN A ACORDOS
Respecto diso, manifestou que, antes dos comicios do 12 de xullo, os rivais políticos do PP actuaron con «predisposición a grandes acordos» e concluíu que espera que manteñan a mesma actitude ao comezo desta lexislatura.
Tanto PSdeG como BNG, a pesar de evidenciar as diferenzas cos populares, mantiveron que esa predisposición a acordar existirá pola súa banda.
Despois da rolda de consultas, Feijóo reuniuse con Santalices, quen lle comunicará que o seu nome é o único que se debaterá a sesión de investidura e para encargarlle que asuma esa responsabilidade.