O último balance do Sergas presenta unha baixada de 34 pacientes ingresados respecto da xornada anterior e un menos en intensivos
Galicia rexistra este sábado o seu quinto día consecutivo no que se produce un descenso no número de hospitalizados con covid. Segundo o último balance do Sergas con datos actualizados até as 18,00 horas do venres, un total de 534 persoas atópanse ingresadas con coronavirus, 35 menos que o día anterior. Tamén se produce un lixeiro descenso entre os pacientes ingresados en unidades de coidados intensivos até os 96, un menos que no anterior balance; co que se mantén unha tendencia á baixa inaugurada a comezos de semana.
En total, 534 persoas –438 en unidades convencionais e 96 en UCI–atópanse hospitalizadas con diagnóstico de covid nas sete áreas sanitarias galegas, onde descenden os ingresados en todos os distritos salvo en Santiago e Lugo (nas que aumentan nun e tres persoas, respectivamente).
Así, a área con maior número de persoas ingresadas, o da Coruña e Cee, presenta no balance deste sábado unha baixada de 10 hospitalizados menos respecto ao venres. O número total sitúase nos 162, dos cales, 29 están en UCI –sen cambios–.
Na de Vigo tamén se produce unha caída de dous díxitos. Son 12 menos o ingresados respecto ao venres até quedar en 88, dos que 25 están en críticos –un máis– e 63 en planta –13 menos–.
En Ourense o descenso é de sete pacientes hospitalizados, o que deixa a cifra total en 80. Por contra, as unidades de coidados intensivos dos hospitais da provincia continúan atendendo a 10 persoas –sen cambios–.
Mentres, na de Santiago e Barbanza hai un lixeiro repunte dos ingresados, que soben a 52 –un máis–, deles 12 en UCI –sen cambios– e 40 en planta –uno máis–.
Tamén aumentan os hospitalizados na área de Lugo, que ten a 50 persoas ingresadas –tres máis–, das que 5 están en críticos –sen cambios–.
Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés baixan en 9 as persoas con coronavirus hospitalizadas até quedar en 59, delas seis en UCI –sen cambios–.
Por último, na área de Ferrol baixan a 43 os hospitalizados con covid-19 –un menos–, dos cales nove permanecen en UCI –dúas menos– e outras 34 persoas noutras unidades.