O Academic Ranking of World Universities (ARWU), popularmente coñecido como ránking de Shangai, emplázaa no intervalo 401-500.
A Universidade compostelana volve situarse un ano máis entre as 500 mellores universidades do mundo, segundo a clasificación elaborada polo Academic Ranking of World Universities (ARWU), tamén recoñecido popularmente como ránking de Shangai. A USC atópase no intervalo 401-500 das mellores universidades do mundo e no 10-13 das mellores de España, país do que o ránking destaca un total de 40 institucións. Mellora notablemente xa que na edición de 2019 situouse nun escalón inferior, no bloque entre as 501-600 institucións máis relevantes.
Pese a esa mellora nun curso, a institución compostelana segue lonxe da súa mellor posición, chegando a estar no 2007 entre as 400 máis relevantes.
Novedades en Últimas Noticias: Javier Rupérez será investido Miembro de Honor por la Asociación Santa Águeda en Puertollano
As universidades recollidas neste listado clasifícanse segundo varios indicadores de rendemento académico ou de investigación, tales como o número de ex alumnado ou profesorado premiado cos premios Nobel ou as medallas Fields, así como o persoal investigador altamente citado. Tamén se toman en consideración as publicacións incluídas en revistas como Nature ou Science, así como os artigos altamente citados en Science Citation Index-Expanded e Social Science CItation Index, entre outros aspectos. En total, para a elaboración da clasificación final trátanse os datos de máis de 2.000 universidades, entre as que se seleccionan as mil mellores.
ARWU preséntase publicamente como “o precursor do ránkings universitarios globais” e “un dos máis confiables do mundo”. Dende a súa primeira edición en 2013, a USC aparece incluída ata en once ocasións, as sete últimas de xeito consecutivo dende 2014.
CLASIFICACIÓN POR MATERIAS
A esta clasificación xeral, súmase o ránking específico por materias publicado tamén por ARWU recentemente e no que a institución compostelá destacaba nun total de quince ámbitos específicos das Ciencias Naturais, a Enxeñaría, as Ciencias da Vida, as Ciencias Médicas e as Ciencias Sociais. Ademais dunha enquisa de excelencia académica, esta clasificación toma en consideración os datos bibliométricos de Web of Science e InCites para medir a grao de produtividade investigadora de cada institución analizada a súa calidade ou o alcance das colaboracións internacionais, entre outros aspectos.
Segundo esta clasificación, a USC atópase na posición 76-100 en Ciencias Veterinarias e no intervalo 151-200 en Odontoloxía, Farmacia e Ciencias Farmacéuticas e en Tecnoloxía Alimentaria. En Hostalaría e Xestión Turística ascendería á posición 201-300 e figuraría no intervalo 301-400 en Matemáticas, Física, Química, Ciencias Agrícolas, Biotecnoloxía, Ciencias da Enerxía, Ciencias Medioambientais e Economía. Asemade e completando a listaxe, Ecoloxía e Enxeñaría Química ocupan o intervalo 401-500.
A UVIGO RECUPERA POSICIÓNS O ránking de Shanghai confirma o retorno da Universidade de Vigo entre as 600 mellores universidades do mundo, do total de 1000 institucións de educación superior. Logo de situarse o ano pasado no tramo 601-700, a UVigo recupera posicións neste 2020, retornando ao grupo no que se atopan as universidades clasificadas no tramo 501-600, no que xa aparecera nos anos 2017 e 2018. Se se atende á súa posición en España, tamén logra escalar posicións. No 2019, a Uvigo atopábase no posto 21 sobre un total de 40, e agora está no 17. “É unha satisfacción comprobar que os esforzos dos investigadores da UVigo volven a posicionarnos entre as mellores 600 universidades do mundo”, asegura o reitor Manuel Reigosa, que “responsabiliza” desta recuperación ao esforzo da comunidade universitaria, ao tempo que lembra que “desde o punto de vista institucional, a UVigo sempre apostou por incentivar a investigación e por primar os criterios de calidade das publicacións. Agora estamos a continuar nesa liña, pero incluíndo un grande impulso nos programas de captación e de retención de talento”. Neste sentido, Reigosa destaca “o éxito” da institución por ser quen nos anos 2018 e 2019 de atraer novos científicos e científicas altamente citados (HCR), como Maurizio Battino. Francesca Giampieri e Bruno Mezzetti.
Pola súa parte, a Universidade de A Coruña non aparecece nesta lista. A súa última aparición foi no ránquin de 2016, cando obtivo un posto entre as primeiras 800.

