En outono sairá á luz unha biografía de Isaac Díaz Pardo, un traballo que está elaborando o seu estreito colaborador Xosé Ramón Fandiño
A alcaldesa en funcións, Mercedes Rosón, destacou onte a figura de Isaac Díaz Pardo. Xusto hoxe se cumpren cen anos do seu nacemento (o 22 de agosto de 1920). Segundo a concelleira de Acción Cultural, “a súa idea de país abarcábao todo, dende a parte política, ata a cultura, industria, educación ou lingua. Soubo, como ninguén, describir e por en valor o espírito da galeguidade herdado das Irmandades da Fala”. Engade que durante toda a súa vida, “mantivo acesa e compartiu a luz da liberdade”, para que Compostela e Galicia non perderan durante “os duros anos do franquismo, a súa memoria histórica e a súa dignidade como pobo”.
Razóns de sobra para que o Concello de Santiago lembre a Isaac Díaz Pardo con distintos actos de homenaxe, como roteiros; un mural pintado por Javier Mourón en colaboración co alumnado do IES do Sar; unha biografía que vai ver pronto a luz redactada por Xosé Ramón Fandiño; e unha estatua de César Lombera na Alameda, preto da de Castelao, inaugurada a principios deste mes. Todo, indicou Mercedes Rosón, cun dobre obxectivo: recoñecer a importancia histórica da súa figura e manter vivo ese espírito de liberdade e democracia pola que loitaron destacadas figuras do galeguismo, como Castelao, Ánxel Casal, Alexandre Bóveda, os irmáns Villar Ponte ou tamén Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo.
Agosto é o mes no que se concentra gran parte das actividades programadas en homenaxe a Isaac Díaz Pardo. Entre elas os cinco roteiros, desenvolvidos entre os días un e oito deste mes, nos que participaron 62 persoas.
Baixo un estrito protocolo de prevención sanitaria e seguridade fronte á Covid-19, puideron coñecer a biografía e traxectoria de Isaac Díaz Pardo, visitando eses espazos que gardan, na nosa cidade, a súa memoria: a casa da rúa das Hortas, na que naceu; a praza do Obradoiro, o Teatro Principal ou a Galería Sargadelos.
Dende o pasado 1 de agosto, na Alameda de Santiago, por riba do paseo dos Leóns, pode verse a escultura de César Lombera que recorda a figura do intelectual Isaac Díaz Pardo. A escultura colocouse provisionalmente no camiño que discorre entre o paseo dos Leóns e a carballeira de Santa Susana, na que se atopa a estatua de Castelao; á altura das escaleiras metálicas.
A súa ubicación definitiva será no espazo situado ao final da Alameda, fronte á rúa Cruceiro do Gaio, unha vez que remate o proxecto de obras do muro do Pombal, que incluirá unha conexión con esta zona. Unha zona dotada dunha impresionante perspectiva, que tantas veces debuxou Díaz Pardo co seu pai. A estatua colocarase contemplando a cidade que el coñeceu e as rúas nas que naceu e viviu: Hortas e Carretas.
Ademais, dende febreiro podemos contemplar, no IES do Sar, un mural de Díaz Pardo, deseñado e pintado por Javier Mourón en colaboración co alumnado que cursa o bacharelato de arte.
Ademais, está previsto que nos meses de setembro ou outubro saia á luz unha biografía de Isaac Díaz Pardo, unha publicación que está elaborando Xosé Ramón Fandiño Veiga, estreito colaborador do galeguista nos últimos anos da vida do artista galego.