Compostela: A USC sitúase entre as 500 mellores universidades do mundo.

63DE8C79 264E 4FA0 AD13 F2E4ECCCAFA4
63DE8C79 264E 4FA0 AD13 F2E4ECCCAFA4

O Academic Ranking of World Universities (ARWU), popularmente coñecido como ránking de Shangai, emplázaa no intervalo 401-500.

A Universidade compostelana volve situarse un ano máis entre as 500 mellores universidades do mundo, segundo a clasificación elaborada polo Academic Ranking of World Universities (ARWU), tamén recoñecido popularmente como ránking de Shangai. A USC atópase no intervalo 401-500 das mellores universidades do mundo e no 10-13 das mellores de España, país do que o ránking destaca un total de 40 institucións. Mellora notablemente xa que na edición de 2019 situouse nun escalón inferior, no bloque entre as 501-600 institucións máis relevantes.

Pese a esa mellora nun curso, a institución compostelana segue lonxe da súa mellor posición, chegando a estar no 2007 entre as 400 máis relevantes.

As universidades recollidas neste listado clasifícanse segundo varios indicadores de rendemento académico ou de investigación, tales como o número de ex alumnado ou profesorado premiado cos premios Nobel ou as medallas Fields, así como o persoal investigador altamente citado. Tamén se toman en consideración as publicacións incluídas en revistas como Nature ou Science, así como os artigos altamente citados en Science Citation Index-Expanded e Social Science CItation Index, entre outros aspectos. En total, para a elaboración da clasificación final trátanse os datos de máis de 2.000 universidades, entre as que se seleccionan as mil mellores.

ARWU preséntase publicamente como “o precursor do ránkings universitarios globais” e “un dos máis confiables do mundo”. Dende a súa primeira edición en 2013, a USC aparece incluída ata en once ocasións, as sete últimas de xeito consecutivo dende 2014.

CLASIFICACIÓN POR MATERIAS

A esta clasificación xeral, súmase o ránking específico por materias publicado tamén por ARWU recentemente e no que a institución compostelá destacaba nun total de quince ámbitos específicos das Ciencias Naturais, a Enxeñaría, as Ciencias da Vida, as Ciencias Médicas e as Ciencias Sociais. Ademais dunha enquisa de excelencia académica, esta clasificación toma en consideración os datos bibliométricos de Web of Science e InCites para medir a grao de produtividade investigadora de cada institución analizada a súa calidade ou o alcance das colaboracións internacionais, entre outros aspectos.

Segundo esta clasificación, a USC atópase na posición 76-100 en Ciencias Veterinarias e no intervalo 151-200 en Odontoloxía, Farmacia e Ciencias Farmacéuticas e en Tecnoloxía Alimentaria. En Hostalaría e Xestión Turística ascendería á posición 201-300 e figuraría no intervalo 301-400 en Matemáticas, Física, Química, Ciencias Agrícolas, Biotecnoloxía, Ciencias da Enerxía, Ciencias Medioambientais e Economía. Asemade e completando a listaxe, Ecoloxía e Enxeñaría Química ocupan o intervalo 401-500.

A UVIGO RECUPERA POSICIÓNS O ránking de Shanghai confirma o retorno da Universidade de Vigo entre as 600 mellores universidades do mundo, do total de 1000 institucións de educación superior. Logo de situarse o ano pasado no tramo 601-700, a UVigo recupera posicións neste 2020, retornando ao grupo no que se atopan as universidades clasificadas no tramo 501-600, no que xa aparecera nos anos 2017 e 2018. Se se atende á súa posición en España, tamén logra escalar posicións. No 2019, a Uvigo atopábase no posto 21 sobre un total de 40, e agora está no 17. “É unha satisfacción comprobar que os esforzos dos investigadores da UVigo volven a posicionarnos entre as mellores 600 universidades do mundo”, asegura o reitor Manuel Reigosa, que “responsabiliza” desta recuperación ao esforzo da comunidade universitaria, ao tempo que lembra que “desde o punto de vista institucional, a UVigo sempre apostou por incentivar a investigación e por primar os criterios de calidade das publicacións. Agora estamos a continuar nesa liña, pero incluíndo un grande impulso nos programas de captación e de retención de talento”. Neste sentido, Reigosa destaca “o éxito” da institución por ser quen nos anos 2018 e 2019 de atraer novos científicos e científicas altamente citados (HCR), como Maurizio Battino. Francesca Giampieri e Bruno Mezzetti.

Pola súa parte, a Universidade de A Coruña non aparecece nesta lista. A súa última aparición foi no ránquin de 2016, cando obtivo un posto entre as primeiras 800.

Barcia banner